• A G2 ofrecerá o Xoves Santo a misa que oficiará o Arcebispo de Santiago desde San Frutuso, e o Venres Santo retransmitirase a Celebración da Paixón
  • O sábado emitirase tamén pola G2 a Vixilia Pascual desde a Catedral de Ourense
  • Así mesmo, dous especiais lembrarán as principais procesións que adoitan celebrarse nestas datas en Galicia e o labor de confrarías e irmandades
 Sen perder de vista o labor de servizo público da CRTVG tamén nestas datas de Semana Santa, a Televisión de Galicia ofrecerá unha programación especial que dará comezo coa emisión da misa do Domingo de Ramos e terá continuidade coa transmisión, en directo, das celebracións dos días santos e unha vixilia o sábado. Tamén a través de dous especiais, os espectadores percorrerán as principais procesións que teñen lugar en Galicia e coñecerán algunhas das principais confrarías e irmandades.

O punto de partida será este domingo, en que a Televisión de Galicia ofrecerá ás 10.00h., a misa do Domingo de Ramos, desde a igrexa de San Frutuoso, oficiada polo Arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio.

 Na G2, celebracións de Xoves e Venres Santos, e Vixilia Pascual, o sábado
 O Xoves Santo ofrecerase pola G2, en directo ás 18.00h, a misa oficiada polo Arcebispo de Santiago desde a igrexa de San Frutuoso en Compostela, e o Venres Santo retransmitirase á mesma hora a Celebración da Palabra, tamén oficiada polo Arcebispo desde San Frutuoso.  E no Sábado Santo emitirase ás 20.00h. en directo, a solemne Vixilia Pascual que oficiará na catedral de Ourense o Bispo da cidade, Leonardo Lemos. Nesta transmisión, achegarase a procesión que se realiza desde o Pórtico do Paraíso ata o Altar Maior da basílica.

Así mesmo, o Xoves e Venres Santo, a través da G2 e ás 17.00h. ofreceranse dous programas especiais realizados desde o interior das confrarías de Ferrol e Viveiro, as dúas localidades de referencia da Semana Santa galega, aínda que tamén se achegarán ata outras procesións celebradas en anos anteriores, como as de Cangas, Mondoñedo, Meis, Fisterra, Betanzos ou Santiago de Compostela.
Archicompostela

    Web oficial de San Juan de Ávila

    Sobre San Juan de Ávila