O Presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices
Vieira, presidiu na Cámara autonómica o acto de entrega das Medallas do
Parlamento de Galicia 2018, “cun marcado acento social”, que na presente
edición foron concedidas ás Cáritas Diocesanas galegas,
Aldeas Infantiles, e COGAMI, como recoñecemento ao traballo no campo da
axuda social que levan a cabo as tres entidades.
Nas súas palabras o presidente do Parlamento, Santalices Vieira,
recordou que a institución que preside esfórzase para ser e actuar como o
“espello no que sentan fielmente reflectidos cada galega e cada
galego”, e considerou que a concesión destas medallas “permítenos
avanzar nese obxectivo, na medida en que unha inmensa maioría social
identifícase co recoñecemento institucional que hoxe tributamos.
Pola súa banda o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio, quen
falou en nome das Cáritas Diocesanas de Galicia, insistiu en que “a
caridade é resposta a unha necesidade inmediata nunha determinada
situación. É gratuíta; non se practica para obter outros obxectivos”.
O presidente do Lexislativo sinalou que “por fortuna, organizacións
como Cáritas chegaron e chegan alí onde o poder público non alcanza”.
Por iso, agregou, “nunca agradeceremos bastante o esforzo de todo o
equipo de Cáritas”, e sinalou que, “con razón, Cáritas conseguíu o
recoñecemento unánime da sociedade española e galega, agradecemento que o
Parlamento de Galicia quere expresar a través desta medalla”.
Recolleron as medallas os directores e directoras das cinco Cáritas
Diocesanas de Galicia, facéndoo en nome da de Santiago de Compostela,
José Anuncio Mouriño Rañó.
O labor de Cáritas
Durante a súa intervecnión en nome das cinco Cáritas Dicesanas de
Galicia, o arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio constatou que a
distinción “trata de recoñecer os méritos de Caritas, valorando o labor
realizado por esta institución da Igrexa. Estou seguro de que este
recoñecemento será unha motivación máis para chegar a novas metas neste
compromiso eclesial, afirmando a propia identidade que se define polo
seu arraigamento na existencia, polos obxectivos que busca e polos
desafíos aos que responde”.
O arcebispo destacou que o sino da Igrexa a través do tempo é a
dimensión caritativa: “Nesta clave poderanse interpretar mellor os
aspectos da súa historia -dixo- colocando as cousas na perspectiva da
verdade e desde a normatividade do amor ao próximo, non considerándoas
soamente desde o punto de vista da factibilidade material e do éxito”.
Para o prelado, “a Igrexa fai posible que se perciba o amor de Deus,
sempre próximo a toda persoa necesitada cunha mensaxe de confianza e de
esperanza”. Agradeceu en nome de todos os bispos o traballo desenvolvido
polos directores de Cáritas Diocesanas, “cos seus respectivos equipos o
labor calado pero non menos eficaz, que levan a cabo, estando sempre a
pé de obra, como adoitamos dicir. Tamén nesta actividade son o rostro
laical da Igrexa”.
Finalizou a súa intervención recordando que a caridade “é resposta a
unha necesidade inmediata nunha determinada situación. É gratuíta; non
se practica para obter outros obxectivos. Traballemos para ter unha
sociedade mais amigable e humana. Tamén Caritas contribúe a este
obxectivo”.
Realidades sensibles
Pechou o acto o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo,
quen recordou que o Parlamento de Galicia premia palabras e feitos,
“cando Aldeas Infantiles fala de solidariedade, cando Cáritas se refire
ao compromiso, cando Cogami alude ao seu traballo social, podemos
afirmar que estamos diante de realidades sensibles, visibles e
tanxibles”. Incidiu en que inclusión é a palabra que asocia ás
organizacións solidarias de Galicia con este Parlamento. “O noso
Parlamento inclúe, e as tres entidades que aplaudimos dedican o seu
esforzo a incluír. Fano ademais sen esquecer que a verdadeira inclusión
xamais esquece esa parcela fundamental de todo ser humano que é a
dignidade”, concluíu.