O Hostal dos Reis Católicos acolleu o acto de entrega das Medallas de Ouro da Cidade ao oftalmólogo Manuel Sánchez Salorio e, a título póstumo, ao que fora coengo e deán emérito da Catedral, Jesús Precedo Lafuente.
Ana Precedo foi a encargada de recoller a Medalla a Jesús Precedo Lafuente, cuxa figura laudou o chanceler do Arcebispado e coengo Elisardo Temperán. Pola mañá, na Catedral, o alcalde compostelán, Ángel Currás, e parte da Corporación realizaran unha ofrenda floral ao homenaxeado.

Tras imporse as Medallas, o alcalde pechou o acto lembrando as traxectorias compostelás dos dous homenaxeados e a súa decisiva contribución a que a cidade sexa vista como "unha cidade depositaria dunha formidable tradición xacobea e como unha cidade innovadora e punteira no campo da oftalmoloxía". Segundo dixo, "hai cidades, como Santiago, que resultan agradables para a vida en función do seu clima humano ou intelectual, e a iso contribuíron como poucos Don Jesús e o profesor Salorio".
 
Jesús Precedo Lafuente xa conta cunha rúa en Compostela, cidade da que é fillo adoptivo. Agora recibirá un recoñecemento máis a título póstumo co outorgamento da Medalla de Ouro. Nado en 1925 na parroquia de Anceis (Cambre) e falecido en Santiago en febreiro de 2011, Precedo estivo máis de medio século vinculado á Catedral, da que foi cóengo e deán emérito.
 
Licenciado en Teoloxía e en Ciencias Bíblicas e Diplomado en Filosofía, foi profesor do Instituto Xelmírez e do Instituto Teolóxico Compostelán, e un firme defensor da introdución do idioma galego no ámbito eclesiástico. Ademais da súa traxectoria eclesiástica e académica, é autor de diversas publicacións sobre o Apóstolo ou a Catedral, entre outros temas, e de numerosos artigos. Foi un habitual colaborador en prensa, radio e televisión.
 
Publicado en El Correo Gallego
Secciones: ,

    Web oficial de San Juan de Ávila

    Sobre San Juan de Ávila