
1.- Como valora a Catequese que se viviu durante a pandemia?
O traballo foi ímprobo desde o principio. A tarefa plantexábase
cunha idea de fondo: a catequese non paraba; continuaba na casa, no
núcleo familiar. Por iso as 9 persoas que deron forma a todos os
materiais, non pararon. A meirande parte dos máis de 3000 catequistas
dados de alta na “rede de catequistas de Galicia” continuaron a súa
laboura parroquial. E cada mes a demanda de información en www.catequesisdegalicia.com
superaba as 45.000 visitas. Temos unha sensación parecida á dos Mestres
e á doutras persoas que tiveron teletraballo: fíxose máis ca nunca.
2.- Destaque un elemento que debe permanecer tras esta experiencia.
O contacto cos pais foi de vital importancia. Os pais son os
primeiros evanxelizadores e transmisores da fe no fogar. Isto é obvio.
Pero tal vez nunca quedara tan explícito coma no tempo do confinamento.
Percibimos que ese papel debe ser reforzado. A catequese non é cousa
dunhas persoas chamadas “catequistas” que están nunha parroquia para que
os pais e as nais se desentendan, relixiosamente falando. É un traballo
en equipo. Un acompañamento para a maduración na vida parroquial. Agora
será necesario reunirse coas familias, telemática ou presencialmente e
valorar a oportunidade das datas e circunstancias para celebrar a
Primeira Comunión.
3.- Como se afronta a celebración das Primeiras Comunións?
Coido que haberá ritmos diversos. Se cadra, nalgún caso de parroquia
grande, veremos un aprazamento das Primeiras Comunións ata despois do
verán, por cuestións organizativas. Pero nas pequenas parroquias ou
parroquias con pouco número de cativos de Primeira Comunión
(maioritarias na diocese), poderíase ir vendo se é posible algunha
cerimonia durante os meses de verán, se o avance nas fases da
desescalada mostra que a situación avanza por bo camiño.
4.- Entón, podería haber Primeiras Comunións no verán?
Co ánimo de dar opcións ás familias e ás parroquias, no Secretariado
falouse de varias opcións. Existe unha proposta con dous momentos: unha
Primeira Celebración familiar, cos “da casa”; máis austera e
comprometida; cun número reducido de persoas; coas precaucións
sanitarias oportunas. Máis para adiante, quedaría a Primeira Comunión
solemne, unha vez que a desescalada sexa completa, para non esquecer esa
faciana social da xuntanza da familia ao completo; co grupo de nenos;
tal vez coa parte de banquete nun establecemento hostaleiro, etc.
5.- Algunha recomendación para as familias
Gustaríame lembrar que, decidan o que decidan os pais e as nais, da
man dos seus párrocos, a vida de fe xira en torno á Eucaristía
dominical. Somos conscientes de que nas nosas parroquias existen varias
“velocidades” na participación da Misa: familias asiduas, outras
ocasionais mentres dura a preparación da Primeira Comunión, quen
redescobre na postcomunión o valor de pertencer á Igrexa e participar
coa comunidade, etc., etc. Pero para seguir a Xesús, os máis pequenos,
apoiados polos seus maiores, necesitan “tocar” a vivencia parroquial.
Formar parte, participar. Canto máis mellor. Desde o Secretariado,
trabállase para ter a disposición unhas catequeses presenciais previas á
celebración do Sacramento. Precisamente, porque gustaríanos suliñar a
importancia do paso que se vai dar na fe. Algo que non pode ser recibido
nin vivido de “refilón”.
pastoralsantiago.es
Foto: Miguel Castaño