O pasado martes 12 de xuño, celebrouse unha nova reunión da Comisión
Mixta Xunta-Igrexa Católica, órgano que asesora a Consellería de cultura
para a protección, conservación fomento e difusión do patrimonio
cultural de Galicia nas cuestións que afectan exclusivamente a bens de
titularidade da Igrexa Católica que teñen valor cultural.
O bispo D. Luis Quinteiro, presidiu a sesión de traballo desta
Comisión, na que tamén estiveron presentes o conselleiro de Cultura, D.
Román Rodríguez, a directora xeral de Patrimonio Cultural, Dª María del
Carmen Martínez Ínsua, e o secretario da Provincia eclesiástica de
Santiago, D. Andrés Fernández Farto, entre outros representantes tanto
da Consellería como da Igrexa.
A Comisión Mixta Xunta-Igrexa está regulada polo Decreto aprobado no
Consello da Xunta do pasado mes de agosto e que ven a substituir a un
anterior convenio asinado coa Igrexa co que viña funcionando este
órgano, en vigor desde 1985.
Competencias
Entre as tarefas desta Comisión está a de elaborar un programa anual
de intervencións a realizar nos centros de titularidade da Igrexa, que
deberá organizarse por áreas culturais diferenciadas (patrimonio
arquitectónico, patrimonio artístico e patrimonio documental e
bibliográficos); establecer as prioridades para a distribución das
achegas e intervencións da consellería (ata o de agora nunha se fixera
un estudo de prioridades conxunta das intervencións no patrimonio da
Igrexa); fixar as condicións para o acceso e visita pública aos bens
inmobles eclesiásticos (priorizando aqueles nos que se realizasen ou se
poidan realizar investimentos por parte da Xunta; e asesorar en medidas
de seguridade destes bens, entre outros.
Funcionamento da comisión
A comisión mixta Xunta-Igrexa funciona en pleno ou ben a través de
dúas subcomisións: unha para o rexistro do patrimonio cultural da Igrexa
Católica e outra de conservación do Patrimonio cultural da Igrexa
Católica.
En concreto, a comisión en pleno está constituída por dez
representantes designados por ámbalas dúas institucións. A presidencia é
rotatoria: nos anos impares recaerá no conselleiro de Cultura,
Educación e Ordenación Universitaria, mentres que nos anos pares terá a
quenda o Bispo Delegado para as cuestión de Patrimonio cultural no seo
da Provincia eclesiástica de Santiago. Nos períodos nos que non ocupen a
presidencia, os ditos membros terán a condición de vogal. Así mesmo,
tamén está composta por dous vicepresidentes (a persoa titular da
dirección xeral de Patrimonio Cultural e o secretario da Provincia
Eclesiástica de Santiago), tres vogais por parte da Xunta e outros tres
designados polos bispos da Igrexa en Galicia.
A comisión reúnese polo menos dúas veces ao ano en sesión ordinaria
e, con carácter extraordinario, de considerarse necesario. Ademais,
adopta os seus acordos por unanimidade.
Archicompostela