
Neste acto de celebración da inclusión do Códice Calixtino no
Rexistro da Memoria do Mundo, da UNESCO, o arcebispo agradeceu “ás nosas
autoridades autonómicas da Xunta de Galicia e ás demais persoas do
Consello Xacobeo as xestións realizadas para ese efecto” e lembrou que
“o Camiño de Santiago foi dende os seus inicios un camiño de fe e, ao
mesmo tempo, un camiño de cultura, separadamente doutras connotacións. O
peregrino xacobeo é viaxeiro do sagrado e transmisor de saberes,
contribuíndo eficazmente á construción da nova Europa do Espírito, que
ten a súa referencia espiritual nos seus principios morais e sociais,
culturais e artísticos como tamén de pensamento”.
“Se a tumba do Apóstolo”, dixo monseñor Barrio, “é a estrela que
orienta no peregrinar, o Códice Calixtino describe o itinerario para
chegar á meta. Máis aló do inapreciable valor cultural, está o valor
espiritual para o Feito Xacobeo. A fe, facéndose historia nos homes,
converte así mesmo en cristiá a cultura”.
Pola súa banda, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo,
valorou o recoñecemento internacional do Códice Calixtino que, segundo
aseverou, facilita a conservación do documento e o acceso universal a
el. “Hoxe, estamos ante unha gran nova para os galegos, para os europeos
e para o mundo”, abundou.
O presidente da Xunta asegurou que Galicia seguirá impulsando unha
das xoias do seu patrimonio e atractivo turístico: as rutas xacobeas. E,
ao respecto, aseverou que hoxe o Camiño dispón dunha completa
estratexia para mellorar a experiencia dos peregrinos –o plan director-;
e estase actuando na mellora dos bens de interese cultural das rutas
xacobeas e na rehabilitación integral da Catedral.
Esta é a intervención íntegra do arcebispo, monseñor Barrio, no acto que se celebrou na Sala Capitular da Catedral:
É motivo de satisfacción que o Códice Calixtino entre no Rexistro
da Memoria do Mundo, recoñecéndolle o valor que ten e contribuíndo con
iso a un maior coñecemento do mesmo en todo o mundo. É unha boa noticia.
Agradecemos ás nosas autoridades autonómicas da Xunta de Galicia e
ás demais persoas do Consello Xacobeo as xestións realizadas para ese
efecto.
O Camiño de Santiago foi dende os seus inicios un camiño de fe e,
ao mesmo tempo, un camiño de cultura, separadamente doutras
connotacións. O peregrino xacobeo é viaxeiro do sagrado e transmisor de
saberes, contribuíndo eficazmente á construción da nova Europa do
Espírito, que ten a súa referencia espiritual nos seus principios morais
e sociais, culturais e artísticos como tamén de pensamento.
No medio do laicismo e do relativismo, da tecnoloxía e da
electrónica, da movilidade e das viaxes rápidas, da exploración do
espazo e das superautoestradas da información, as persoas seguen
buscando botar raíces no chan firme e estable do sagrado. O rito, o
misterio e a tradición cultural da peregrinación xacobea, en canto
símbolo histórico e relixioso, seguen sendo un instrumento adecuado,
susceptible de expresar o sentido profundo da existencia humana e por
tanto da vida de fe cristiá, na procura do mellor que só se consegue a
través da Verdade que nos fai libres.
O Códice Calixtino, obra do século XII, recolle este espírito e é
un referente sen igual para a Peregrinación Xacobea e para o Feito
Xacobeo. As primeiras vivencias da peregrinación á Tumba do Apóstolo
deron lugar a esta primeira “Guía do Peregrino”, con consellos e con
descricións de lugares e de obras de arte ao longo do Camiño, así como
de costumes locais das xentes, alimentando a espiritualidade do
peregrino con sermóns, coa narración de milagres atribuídos ao Apóstolo e
coa achega de celebracións litúrxicas. Foron a tumba do Apóstolo e a
peregrinación a ela as que están subxacentes ao contido desta obra. Se a
tumba do Apóstolo é a estrela que orienta no peregrinar, o Códice
Calixtino describe o itinerario para chegar á meta. Máis aló do
inapreciable valor cultural, está o valor espiritual para o Feito
Xacobeo. A fe, facéndose historia nos homes, converte así mesmo en
cristiá a cultura.
Esta obra segue facendo historia con acougo. É este un momento
para o agradecemento. O símbolo que mellor reflicte este sentimento é a
palabra “grazas”. A Igrexa compostelana quere seguir sendo compañeira de
viaxe para a humanidade. A chamada á esperanza ha de resoar desde a
Casa do Señor Santiago, mirando cara arriba e camiñando cara adiante.
Archicompostela