
A catedral de Santiago e as prazas que a rodean
forman un conxunto topolóxico que soamente pode ser entendido no
contexto urbanístico creado ao longo dos séculos, e non sen
dificultades, pola iniciativa da mitra, como corresponde a unha cidade
de señorío eclesiástico, e tamén dos Reis Católicos, coa fundación do
hospital real. A súa configuración comportou non poucos derrubamentos e a
resolución de conflitos de poder. Catedral e prazas albergan todos os
estilos arquitectónicos e as correntes estéticas máis importantes.
Iluminadas polo xogo do sol e as sombras, confúndense artística e
espiritualmente coa cidade, pero desde o punto de vista vivencial son
diferentes.
Falar da catedral e das súas prazas é introducir un
diálogo necesario entre todas as institucións coidadoras do patrimonio
co obxectivo de ordenar os distintos usos e actividades que se
desenvolven ao longo do día e do ano, e que ás veces tropezan
indebidamente uns cos outros. Un diálogo para poñer sobre a mesa a
dualidade relixiosa e laica, espiritual e festiva, e poder facer
compatibles, como acontece en moitas cidades europeas, a diversión, a
cultura e a liturxia, que se manifestan simultaneamente en datas
contadas, polo 24 e o 25 de xullo, a Semana Santa e a ofrenda do 30 de
decembro.
Calquera
actividade que se desenvolva nese contorno ten unha repercusión
patrimonial, sexa o ambiente sonoro, un mobiliario que permanece día e
noite durante semanas e compromete a Porta Santa, os escenarios, as
cabinas sanitarias…, e, a outro nivel, as colas que se enroscan arredor
da basílica pola necesidade de ordenar o acceso por cuestións de
conservación e de seguridade. De todo isto hai que falar.
Ningunha outra catedral de Europa ten catro prazas
coma as de Compostela. Ningunha tampouco ten unha peregrinación en auxe,
e o ano xubilar 2021 está ás portas. Cómpre, pois, abrir ese diálogo
entre a Administración autonómica, a local, a central e a Igrexa, que
forma parte, coa Universidade, do Real Padroado de Santiago. Un diálogo
complementario e indisociable desa restauración que xa vai gozando a
cidadanía, grazas á aplicación sistemática dos recursos achegados polas
Administracións públicas, os propios da Fundación Catedral e mais os da
Fundación Barrié no pórtico da Gloria.
O patrimonio divúlgase e transmítese, na súa dimensión material e inmaterial, pro commoditate ac ornato urbis,
como reza a inscrición que coroa a Casa do Cabido, nas Praterías. Na
obriga de transmitilo con intelixencia e cultura aos séculos vindeiros
estamos todos convocados e comprometidos.
Daniel Lorenzo Santos
La Voz de Galicia
pastoralsantiago.es