Este pasado martes dezanove do mes de Nadal, o Sr. Arcebispo realizou
a súa visita pastoral ó cárcere de Teixeiro. Tódolos anos por estas
datas, D. Julián acostuma achegarse cara esta realidade difícil do mundo
penitenciario, para encontrarse cos mil cen homes e mulleres que alí se
encontran cumprindo unha pena. A acollida, tanto por parte dos presos,
como por parte da Dirección do centro e dos diferentes funcionarios, foi
extremadamente cordial e cálida.
A mañán comezou co recibimento do Sr. Arcebispo por parte do novo
Director do centro, D. Jesús Garrido, que o acompañou durante toda a
mañá. Xunto ó noso pastor tamén visitaron a prisión o Director da
Cáritas diocesana, D. Anuncio Mouriño, e o Delegado episcopal, D Jesús
García Vázquez. Cáritas colabora con un programa social específico coa
Capelanía de Pastoral Penitenciaria. Recentemente se asinou un convenio
entre esta organización diocesana e Institucións Penitenciarias, que vai
permitir a creación dun servizo de apoio odontolóxico e oftalmolóxico
para reclusos sen medios.
A celebración da Eucaristía foi o momento principal da xornada.
Puideron asistir sobre uns cento cincuenta reclusos, acompañados dun
grupo de traballadores do centro, así como o grupo de voluntariado da
Pastoral Penitenciaria, formado por unhas quince persoas.
Como ten por costume, a continuación D. Julián visitou tres módulos
da prisión, onde tivo ocasión de saudar máis persoalmente os presos e de
coñecer os diferentes talleres ocupacionais. No módulo nove tiveron
ocasión de ensinarlle a pantalla de televisión que como regalo de Nadal o
Sr. Arcebispo entregou ó cárcere. É difícil imaxinar a emoción que para
tantos internos, non só católicos, supón esta visita do seu pastor, que
no medio da rutina férrea da prisión abre un espazo para a esperanza.
Juan González-Redondo
Capelán do Centro Penitenciario de Teixeiro
Capelán do Centro Penitenciario de Teixeiro
Archicompostela