- Desembarca en Ribeira co propósito de poñerse ao servizo da parroquia e darlle continuidade ao labor de Canabal
Leva case nove anos en Muros, tempo que aproveitou
para poñer en marcha un ambicioso proxecto vinculado ao turismo baixo o
título de Ruta de Auga e Sal, que incluíu a rehabilitación de edificios
patrimoniais para a súa conversión en museos. Desde hoxe, Alfonso Mera
(Vedra, 1973) asume o reto de substituír a Cesáreo Canabal á fronte da
parroquia de Santa Uxía. É consciente da dificultade do desafío, pois o
seu antecesor deixa o púlpito de Ribeira con catro décadas de
traxectoria ás costas e unha fonda pegada no pobo. O sacerdote chega co
obxectivo de darlle continuidade ao traballo realizado.
-¿Cal foi a súa reacción cando o arcebispo lle propuxo este traslado a Ribeira?
-Calquera proposta de traslado supón un cambio e polo
tanto a reacción é sempre analizar todo o que iso leva aparellado.
Aínda así, estou sempre disposto para o que diga o arcebispo.
-¿Pero tiña previsto establecerse en Muros?
-No momento actual, co número de sacerdotes caendo en
picado, creo que os curas non podemos aspirar a establecernos nunha
parroquia.
-Pero é unha mágoa deixar a Ruta de Auga e Sal a medias…
-En certa medida si, porque é un proxecto que aínda
non está concluído, pero espero que o cura que me suceda teña en conta o
traballo realizado e lle dea continuidade. Hai que ter en conta tamén
que detrás hai un grupo de xente que seguro que seguirá coa ruta.
-Na parroquia de Muros marcou un antes e un despois pola súa forma de traballar, ¿chega coa mesma intención a Ribeira?
-Paréceme importante chegar e ver como está a
situación, non son especialista en facer cambios. Quero coñecer a xente
da parroquia, comprobar como está traballando e, con toda esa
información, analizarei que se pode facer. Mantiven conversas con
Cesáreo Canabal para coñecer as súas liñas de actuación e darlles
continuidade.
-Cesáreo Canabal, como el mesmo recoñeceu, caracterizouse polo seu carácter forte, ¿chega vostede con ansias de reconciliación?
-Penso que el non se levaba mal coa parroquia. Todos
temos un carácter que nos define, pero teño a sensación de que se vai
deixando moita xente que o quere, polo que non creo que sexa necesaria
esa reconciliación.
-¿Ve posible desenvolver en Ribeira algún proxecto similar ao que impulsou en Muros, que transcenda das fronteiras da Igrexa?
-O proxecto de Muros respondía a unha necesidade dun
momento concreto, polo de agora non sei se en Ribeira existe unha
carencia similar. O que teño claro é que me vou implicar na parroquia,
porque considero que un cura non só ten que teorizar, tamén debe poñer
en práctica o que di. Descoñezo cales son as necesidades de Ribeira,
pero tendo en conta a poboación que ten, seguro que me vexo moi pequeno
para atender todo. Hai Cáritas, Mans Unidas, catequeses… Non sei se
poderei abarcar máis.
-Co que sabe de Ribeira, ¿con que expectativas desembarca?
-Quero ser un cura que estea coa xente, que os
veciños me coñezan e poidan contar comigo para o que precisen. Quero ser
un sacerdote normal que chega a unha parroquia. Polo de agora, non teño
máis expectativas.
Fuente: M.X. Blanco | La Voz de Galicia
Foto: Frran Brea
Foto: Frran Brea
pastoralsantiago.es